Pechar Imprimir
IMPRIMIR ARTIGO Revista Move - Pub Modus Vivendi
--------------------------------------------
praza feixoó - santiago de compostela - galiza
______________________________________
Versión de Artigo para Impresión
______________________________________

Pausa Café por Francisco Castiñeira



O café, cortado e cargadiño, como debe ser. E sen azucre, que hai que espabilar. Porque vaia mañanciña, como odio os luns. Con leite frío, por favor. Ben, ela xa o sabe porque tódolos días pido o mesmo. Como vos ía dicindo. Vaia mañanciña. 

Conto, conto. Pódevolo confirmar o Soutullo, que o viu todo. Home, Soutullo, xa sei que non estabas moi ó tanto porque onte saíches e andaches a resaquear todo o día. Ai, quen tivese os teus anos, claro que eu tiña máis aguante, que viña ó dereito dos bares, de reenganche. Digo, non te decataches de todo o que se coceu alí, mais o tío aquel víchelo. Ei, Souti? Soutullo viuno, que diga se minto. Porque en tantos anos de funcionario xa vin de todo, sobre todo aquí, en Admisión, mais o de hoxe foi ben rariño. 

Hoxe cedo veu aquel mozo. Barbudo, fraco, moi mala cara, moi mala pinta, deume ata apuro, sandalias nos pés. Mais parecía ben tranquiliño, non era dos que chegan montando barullo, coma se se criaran nunha corte, carallo, que vén cada un... Amosoume o papeliño co número da súa quenda, sabe Deus canto agardou, e con ese aceno vin as feridas das súas mans. Tiña chagadas as palmas, non sei que lle pasou, pechaba a man cun xesto de dor. Á parte do seu aspecto de mala saúde non emitiu unha queixa, é máis, era como se irradiase acougo, tranquilidade. 

Este café está cargado coma o petróleo, déixame collerche un pouquiño de azucre. Así que lle preguntei o de sempre, en que podía axudalo. E falou, e era dos que cando falaban había que escoitalos. Xúrovolo. Ata o Soutullo desatendeu o seu cliente e quedou mirando para el. Non, non, non montou escándalo ningún. Falaba nun ton moderado e beatífico. Vai que si, Souti. Nin unha palabra máis alta ca outra. Beatífico, que palabro

Dixo que viña a ocupar o seu sitio á destra do Pai. Róncalle o nabo, á destra. O Unxido, díxose. 

Así que lle seguín preguntando, e díxome que era o Fillo do Pai, que dera o seu sangue polos seus irmáns. O Año. O Redentor. O Fillo do Home. Todos eses alcumes quedáronme gravados. Nunca tal oíra. 

Tentei levar as dilixencias o máis formalmente posible, mais xa me diredes como procuro eses nomes na base de datos. Non, a esas alturas ainda non caera a rede e os malditos informáticos non tardaran unha eternidade en dignarse a baixar, quero dicir, 
eses problemas pasaron despois. 

Dígovos que irradiaba luz. Dígovos que ainda teño a súa voz aquí, entrámbalas dúas tempas. Tiña os ollos cansos. E se na súa procura había determinación, esta era como mecánica, pois sabía que tiña pouca esperanza. Tiña sangue reseco na fronte e desánimo nas cellas. 

Así que me dixo o seu verdadeiro nome e o seu lugar de nacemento. E si, constaba nos padróns, ainda que tampouco había alá moitos máis datos. Reconfortoume saber por fin que viña de algures, todo aquilo estaba resultando moi raro, era algo ó que agarrarse. Non, non quero tapa, almorcei de mañá na casa, co café xa vou ben. Non, non comparto tapa contigo. 

E seguiu a falarme de cómo recibira o seu mandado e o levara a remate, de cómo o traizoara un amigo, iso sempre doe, sempre, cousas que pasan. De cánto vagou e canto penou e cánto sufriu. Mais non tiña resgardo nin xustificante ningún de tales encargas e tarefas. Así e todo fixen un par de chamadas ós departamentos correspondentes. O Soutullo tivo que poñerse á xanela para atender ó resto da xente, e eu quedei co mozo. 

E el, insistindo que quería ver ó Pai. Eu xa non sabía que facer e abrín liña co xefe. Co Pedro. Cando por fin me colleu o teléfono comenteille o caso por riba e díxome que estaba ocupado, mais que atendería o caso ó seu tempo. Así que lle dixen ó rapaz que mellor sentase, que xa o chamariamos. Ainda me preguntou, compunxido, se tiña que volver sacar número. Non, ho, sente por aí que xa o chamamos nós directamente. 

Atendín a un par de pesados máis, coa mente posta nese rapaz de sandalias, cando baixou o xefe. O Pedro baixou onda nós, in person. En todos estes anos que levo en Admisión podo contar as veces que baixou onda nós. E preguntoume polo caso do barbudo. Aí xa me decatei de que era algo importante. Afociñou as súas lentes de ler no formulario a medio encher. 

Está aquí?, preguntounos. Asentín e sinaleillo, sentado nas butacas da sala de espera. Aí cambioulle a cara. Recoñecérao. Virouse de contado cara nós, que diga Soutullo se minto, e coido que foi para que o barbouzán non o recoñecese a el. Aí había algo. 

E foi aí cando mo explicou todo, sen dar moitos detalles. Ei, non volo vou contar aquí todo porque non estaría ben, xa sei que estamos entre amigos, mais ainda así prégovos que o que oiades non o andedes a laretar por aí. A túa tortilla ten unha pinta gorentosa, próboche un anaquiño. Un pequeno, non sexas rata. 

Pois o que máis me fodeu é que me deixou alí para despachar ó mozo. El subiu e deixoume só con esa lea. Xa sei que é o meu choio, mais é moi desagradable, estaredes dacordo comigo. Doulle porta a moitos tódalas mañás, amigos, é o que hai, mais desta vez foi duro. E ainda non foi tanto coma eu pensaba. Chamei ó rapaz cun aceno. 

Xa nin sei o que lle dixen. Tentei explicarlle que non había tal mandado, que se o houbo foi abortado, que el mesmo non era quen cría ser, que non había nada, ou demasiado, que redimir, que de Unxido nada, que non Fillo do Home, senón fillo dun home. Que houbera un erro terrible, un malentendido estúpido, a verdade, que deberían telo avisado, que fallara un elo da cadea. Que non ía ser admitido. Non estaba na lista e punto. 

Ainda quedou alí quedo diante da xanela coma unha estadea, tentando encaixar a nova. E semellou aceptalo, eu coido que xa o cheiraba. Mais ainda preguntou, e a súa voz xa non era atraente, magnética, convincente nin beatífica, era unha voz triste e decepcionada, se podía ver ó Pai. E díxenlle o que a todos, que o Pai non estaba. E non me creu, e interrogou que cómo era que o Pai non quería velo. A el, con todo o que fixera... E eu que podía facerlle... 

E díxenlle a verdade, cousa que non fago nin moito menos con todo o mundo. Que El, a quen buscaba, non estaba, mais non hoxe, que estaba ausente dende había moito tempo, que marchara e ninguén sabía nada, eu, o Pedro, nin puta idea. Que o Sistema, Admisión, Mantemento, Regulación, todo, funciona de forma autónoma e que, a verdade, el xa non era preciso. Marchara. Non se sabe onde nin por canto tempo. 

Ignoro se foi unha marcha programada ou unha baixa repentina. Unha excedencia, acaso, e volverá, mais eu dubídoo. Foi hai tanto, tanto tempo, que algúns, sobre todo os máis novos, negan que estivera aí algunha vez, que existira. E se cadra teñen razón. 

O que se dicía Unxido apoiou as súas feridas e anuadas mans no mostrador e non me aturou a mirada, ollou para o chan. Oferteille poñer unha reclamación polo erro do seu caso, se cadra obtiña algunha compensación. Mais esa praza á Súa destra, á que ese home aspiraba, foi suprimida, era un sensentido. El refusou coa testa e besbesellou que o seu Reino non era daquel mundo, e deste tampouco. Deu media volta e marchou. 

Xa dixen que non quería tapa, así que non vou pagar a metade da túa, se só probei un petisco, lura. Non si, Souti? El pódevolo dicir. Vaia un. Ainda teño a súa voz aquí, na fronte chantada, no medio e medio.



27 /01 /2009 - 20:43


--------------------------------------